APOIO Á CIENCIA EXCELENTE

O Plan estratéxico da Universidade da Coruña para o período 2013-2020 define entre os seus obxectivos a xeración dun ambiente universitario internacional e o logro dunha produción científica baseada na calidade. Dentro do obxectivo estratéxico de internacionalizar a investigación, a UDC proponse ampliar as súas relacións con outras universidades e fomentar e apoiar o acceso ao financiamento internacional para a investigación.

 

O Consello Europeo de Investigación (ERC, European Research Council) busca, mediante convocatorias específicas dentro do Piar I de Ciencia Excelente do Programa Horizonte 2020 da Unión Europea, financiar no longo prazo proxectos de investigadores destacados de todo o mundo para reforzar a excelencia, o dinamismo e a creatividade da investigación. As subvencións a proxectos do ERC están abertas a investigadores de calquera idade e de calquera país do mundo que queiran traballar en Europa.

 

O prestixio internacional asociado aos ERC Grants é cada vez maior, tanto para os investigadores beneficiarios como para as institucións científicas que os acollen. A consecución de proxectos financiados polo ERC é, actualmente, unha das prioridades no ámbito da investigación para a UDC.

Obxectivo estratéxico: internacionalizar a investigación

Programa berce/

Neste contexto, a UDC decidiu poñer en marcha un programa de apoio á ciencia excelente que fomente a presentación de propostas exitosas de investigadores ao ERC nalgunha das seguintes modalidades: Starting Grants (StG), Consolidator Grants (CoG) e Advanced Grants (AdG).

Este programa de apoio, denominado berce (benvida, estabilización e retorno de ciencia excelente), contén unha serie de accións concretas destinadas tanto a investigadores da UDC como a científicos procedentes de calquera parte do mundo que decidan desenvolver o seu proxecto do ERC na UDC.

Ademais das ERC Grants existen outras convocatorias que posibilitan que investigadores internacionais realicen os seus proxectos na UDC. Berce pretende dar igualmente apoio técnico ás solicitudes de financiamento de proxectos individuais que supoñen unha aposta pola investigación de calidade e que representen un paso significativo na carreira científica.

OBXECTIVOS

Os obxectivos específicos de berce teñen como base fomentar o apoio á excelencia como estratexia e detállanse a continuación:

  • Atraer talento excelente de calquera parte do mundo á UDC
  • Dar continuidade á carreira investigadora dentro da UDC
  • Incentivar a participación da UDC no Piar de Ciencia Excelente do Programa H2020
  • Apoiar a concorrencia de investigadores ás ERC grants

O propósito deste programa é construír as bases para que os investigadores atopen na UDC o ambiente adecuado para levar a cabo, con todas as garantías, a súa investigación de excelencia.