Convocatoria de acceso ao Viveiro de Empresas da UDC

Data límite de presentación de solicitudes: 30 de setembro de 2016

A Universidade da Coruña (UDC) informa da apertura dunha nova convocatoria para cubrir 2 prazas no seu Viveiro de Empresas, situado no Edificio de Servizos Centrais de Investigación, Campus de Elviña (A Coruña).
O espazo, enfocado a fomentar a cultura emprendedora e a facer realidade a creación e consolidación de iniciativas innovadoras, está á disposición de ideas de proxectos empresariais ou empresas de recente constitución creadas no marco da actividade científica e técnica da UDC.

Data límite de presentación de solicitudes: Venres, 30 de setembro de 2016.
Beneficiarios
Poderán solicitar unha praza os membros da comunidade universitaria:
Alumnado que estea a cursar estudos na UDC no momento da solicitude.
Titulados pola UDC nos últimos cinco anos, que contarán desde o momento da publicación da convocatoria de acceso ao Viveiro.
Persoal docente e investigador.
Persoal de administración e servizos.
Considérase titulados pola UDC os antigos alumnos que cursaron e finalizaron estudos de grao, posgrao, mestrado ou doutoramento na UDC.
Documentación a entregar
Deberase entregar a seguinte documentación, que se poderá atopar na web do Viveiro:
Solicitude de acceso debidamente asinada.
Presentación da iniciativa empresarial.
Descrición da iniciativa empresarial ou plan de empresa.
Documentación xustificativa do vínculo coa universidade de polo menos unha persoa integrante do proxecto (por exemplo: matrícula, expediente académico actualizado, título académico, contrato laboral, datos persoais da intranet da UDC, etc).
No caso de que a empresa estea constituída deberase achegar a documentación sinalada no parágrafo anterior máis o establecido no artigo 4.b do Regulamento para admisión e permanencia de iniciativas empresariais no Viveiro de empresas innovadoras da UDC.
Presentación de solicitudes
As solicitudes remitiranse en formato dixital á conta de correo electrónico do Viveiro: otri.viveiro@udc.es.
O Viveiro dará confirmación da documentación recibida.
Avaliación das solicitudes
Para a selección teranse en conta os criterios expostos no artigo 5 do Regulamento para admisión e permanencia de iniciativas empresariais no Viveiro de empresas innovadoras da UDC.
Logo de recompiladas as solicitudes, a comisión, se o estima conveniente, contactará cos solicitantes para fixar unha data para realizar unha exposición oral do proxecto.
Resolución
Unha vez valoradas as solicitudes pola comisión, daráselles publicidade na páxina web do Viveiro e da OTRI aos proxectos empresariais seleccionados para ocuparen un local no Viveiro.