A UDC plasmou o seu apoio á ciencia excelente nunha serie de medidas concretas que se inclúen no Programa BERCE co obxectivo de fomentar a presentación de propostas de éxito ao ERC, tanto de investigadores da UDC como de científicos procedentes de calquera parte do mundo que decidan desenvolver o seu proxecto na UDC.

Coas medidas que se detallan a continuación, preténdese que o apoio comece desde o “momento cero” en que o/a investigador/a decide presentarse a estas convocatorias e continúe durante o proceso de selección ata o desenvolvemento do proxecto dentro da institución.

Apoio técnico na elaboración da proposta para o ERC

Apoio técnico na elaboración da proposta para o ERC en calquera das súas modalidades. Inclúe asesoramento nos aspectos máis valorados na avaliación do ERC, revisión técnica da proposta, axuda na elaboración do orzamento, revisión lingüística, etc…

Espazo físico propio para levar a cabo o proxecto

Dispoñibilidade dun espazo físico propio para levar a cabo o proxecto, o que garantirá aos/ás investigadores/as a súa independencia investigadora. Neste sentido, a UDC poderá habilitar laboratorios nos seus centros tecnolóxicos sempre que a investigación teña relación coas súas liñas de actuación.

Convenio: acceso ao Programa Oportunius

Acceso ao Programa Oportunius promovido desde a GAIN da Xunta de Galicia, mediante a sinatura dun convenio específico entre a UDC e a GAIN que permitirá aos investigadores beneficiarse das condicións e vantaxes deste programa, incluída a formación e, sobre todo, a estabilidade laboral a través dun contrato revisable cada cinco anos de “Profesor/a Distinguido/a”. Para os investigadores da UDC con contrato indefinido previo, Oportunius ofrece a posibilidade de dispoñer de recursos económicos adicionais para a súa investigación.

Negociación de incentivos económicos durante o ERC

Negociación de incentivos económicos durante o desenvolvemento do proxecto do ERC que permitan que o salario total dos investigadores sexa plenamente competitivo e acorde coa categoría e prestixio asociados ás persoas beneficiarias deste tipo de proxectos.

Acceso aos servizos propios da UDC

Acceso a todos os servizos propios que ofrece a UDC, tanto para a xestión de proxectos, convenios e contratos como para a protección da propiedade industrial e intelectual, o servizo de publicacións, a creación de EBT, etc.

Flexibilidade e suxestións ao programa

Este programa dispón de flexibilidade para negociar as condicións aquí expostas ou outras necesidades concretas adicionais de cada investigador/a. A UDC comprométese a estudar as suxestións e propostas dos beneficiarios do ERC e, de ser posible, incluílas no Programa BERCE.