O Programa LIFE é o único instrumento financeiro da Unión Europea dedicado, de forma exclusiva, ao medio ambiente.

Ten como obxectivo xeral contribuír ao desenvolvemento, á aplicación e á actualización da política e da lexislación comunitaria en materia de medio ambiente, co fin de contribuír ao desenvolvemento sustentable.

Substitúe varios programas que tiñan como obxectivo financiar actuacións dirixidas ao medio ambiente (o anterior programa LIFE+, o Programa de cooperación para o desenvolvemento sustentable no medio urbano, o Programa de fomento das organizacións non gobernamentais e Forest Focus). Este programa pretende reunir nun conxunto único as normas e os procedementos de decisión, facendo as intervencións comunitarias máis coherentes e eficaces. Tamén avala a aplicación do sexto Programa de Acción en Materia de Medio Ambiente (6.º PMA), incluídas as estratexias temáticas, e financia medidas e proxectos con valor engadido nos estados membros.

A duración dun proxecto LIFE non está predeterminada, xa que dependerá do tempo necesario para completar todas as accións e alcanzar os obxectivos previstos. Polo xeral duran entre 2 e 5 anos.

O programa de traballo do Programa LIFE para 2014-2017 foi adoptado por medio da Decisión da Comisión Europea de 19 de marzo 2014, logo de ter recibido a opinión favorable do Comité para o Programa Life para o Medio ambiente e Acción polo clima do 17 de febreiro 2014.
Este programa de traballo establece o marco para os vindeiros catro anos de xestión do novo Programa Life 2014-2020, e contén un orzamento estimado, explicación da metodoloxía de selección de proxectos e indicadores esperados para os mesmos. O orzamento previsto para este período é de 1.100 millóns de euros para o sub-programa de Medio Ambiente e de 360 millóns de euros para o sub-programa de Acción polo clima.