A Cooperación Territorial Europea é financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e apoia a cooperación transfronteiriza, transnacional e interrexional (a antiga iniciativa comunitaria INTERREG – capítulos A, B e C -). O orzamento suma un total de 8,7 mil millóns de euros, destinados a:

 

Cooperación transfronteiriza:

    Cooperan rexións situadas ao longo das fronteiras terrestres interiores e de certas fronteiras terrestres exteriores, así como de todas as rexións situadas ao longo das fronteiras marítimas e separadas por unha distancia máxima de 150 km.

 

Cooperación transnacional:

    Cooperan rexións da UE de conformidade coa lista de zonas transnacionais elaborada pola Comisión. Consiste en 13 programas de cooperación transnacional que cobren grandes áreas de cooperación tales como o Mar Báltico, os Alpes e as rexións mediterráneas.

 

Cooperación interrexional:

    Fórmanse redes de cooperación e de intercambio de experiencias en todo o territorio da Comunidade Europea que se coñecen como INTERREG IVC e 3 programas de creación de redes (URBACT II, INTERACT II e ESPON) para o conxunto de 27 estados membros da UE. Proporcionan un marco para o intercambio de experiencias entre entidades rexionais e locais en diferentes países.

A cooperación territorial transfronteiriza externa (fronteiras entre a UE e países veciños) non se considera dentro do Obxectivo de Cooperación Territorial Europea. Esta forma parte da política de veciñanza que se regula polo Instrumento Europeo ENPI (European Neighbourhood and Partnership Instrument).

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) é o novo instrumento xurídico deseñado para facilitar e promover a cooperación transfronteiriza, transnacional e interrexional. A diferenza das estruturas que rexían este tipo de cooperación antes de 2007, a AECT é unha entidade xurídica e, como tal, permitiralles ás autoridades rexionais e locais e a outros organismos públicos de diferentes estados membros, crear agrupacións de cooperación cunha personalidade xurídica.